Friday 19 de April de 2024

Un total de 25 veciñas de Lousame participan nun seminario intensivo de defensa persoal


As participantes poderán aprender técnicas de autodefensa e protocolos de actuación ante posibles situacións de perigo

Un total de 25 veciñas de Lousame participaron esta fin de semana nun seminario intensivo de defensa persoal feminina, promovido pola Deputación da Coruña en colaboración co Concello de Lousame. O curso, de catro horas de duración, foi impartido no ximnasio do CPI Cernadas de Castro por técnicos da Escola de Defensa Persoal Policial HKF e foi clausurado pola deputada provincial Sandra González e pola concelleira de Muller e Igualdade de Lousame, Silvia Agrafojo.

Durante esas catro horas, as 25 veciñas de Lousame tiveron a oportunidade de aprender e ensaiar técnicas de autodefensa e protocolos de actuación ante unha posible situación de perigo impartidas polo equipo dirixido polo instrutor policial e experto en defensa persoal feminina José Rodríguez López, quen estivo acompañado polos instrutores Carlos M. Díaz Lence, José Luís Padín Padín e Madó González Fernández.

Unha iniciativa que vén complementar o curso de autodefensa para mulleres organizado o pasado mes de decembro polo Concello de Lousame, en colaboración coa Federación Galega de Loita e a Secretaría Xeral de Igualdade. A próxima cita deste seminario intensivo de defensa persoal feminina será no municipio de Tordoia, o vindeiro mes de abril. O resto dos municipios participantes son Vimianzo (22 de abril), Valdoviño (6 de maio), Ponteceso (20 de maio), Santiso (3 de xuño) e Betanzos (10 de xuño).